27 de xaneiro de 2009

Aiazo, máis de 48 horas sen suministro eléctrico

A consecuencia do forte temporal que sufriu Galicia a pasada fin de semana, milleiros de galegos quedaron ás escuras durante varias horas. Aiazo foi un deses lugares nos que, durante aproximadamente unhas 50 horas, vivimos coma non hai tantos anos, sen electricidade. Arredor das 21.30 da noite do venres produciuse o corte de suministro eléctrico, que non se volveu retomar ata pasadas as 11.00 da noite do domingo. As lanternas e as candeas sustituíron á luz eléctrica e a carón do lume da lareira, os contos intentaban entreternos e facernos esquecer por uns momentos a televisión e/ou outros aparellos eléctricos indispensables na actualidade. A comunicación co mundo exterior chegábanos a través dunha pequena radio a pilas, que por enriba non se escoitaba moi ben.
Pero non só iso, se aínda non era abondo con que tivesemos que soportar o corte de luz co que iso supoñía para os nosos conxeladores, neveiras, cociñas vitrocerámicas, fornos, microondas, caldeiras e calentadores, estufas e radiadores, etc, etc, etc; tamén quedamos incomunicados por telefonía móbil. Si, como podedes ver, os teléfonos móbiles non estiveron operativos durante toda a fin de semana porque non dispoñían de rede.

Por outro lado, o teléfono da compañía eléctrica quedou colapsado pola cantidade de chamadas recibidas e moitos dos que intentaron poñerse en contacto con ela, recibiron a voz dun contestador automático como resposta. Non nos quedou outra que resignarnos e tratar de pasar as horas o mellor posible sen pensar no que estariamos facendo se tivésemos luz.

Algúns afortunados, os menos, dispoñían de xeneradores eléctricos que lles axudaron a pasar a fin de semana un pouco máis tranquilos. Outros intentaron facerse con estes prezados motores nun momento de desesperación, o que foi unha tarefa imposible para a maioría, xa que se esgotaron moi axiña en toda Galicia. E outros beneficiáronse da xenerosidade dos veciños que si dispoñían dun xenerador e que accederon a emprestallelo. Deste xeito, un só xenerador puido circular de casa en casa por quendas de unha a dúas horas para evitar que se estragase toda a comida dos conxeladores. Había anos que a luz non faltaba durante tantas horas, pero a magnitude deste temporal foi capaz de conseguilo. Hoxe en día, a penas podemos vivir sen electricidade. Todo o que nos rodea ten enchufe e se non o ten, é porque ten unha batería que precisa ser cargada. Seguro que moitos preguntabades, como podían vivir antes sen luz?

Ningún comentario:

Publicar un comentario