ÁREA RECREATIVA "OS PASOS"
A Área Recreativa "Os Pasos", situada á beira do Tambre, é un lugar ideal para xantar, descansar, bañarse, tomar o sol, xogar un partido de futbol, tomar un xelado no seu chiringuito, pasear... Moita xente da comarca acode a este emblemático lugar durante o verán e as fins de semana.
Este proxecto veciñal nacía hai xa moitos anos cando tódolos aiacenses se xuntaron e decidiron acondicionar o lugar denominado "Os Pasos", unha zona onde o caudal do Tambre é baixo e diversas pedras ou "pasos" se aliñaban para poder cruzar dunha beira á outra. Tras moito traballo e esforzo, nacía esta Área Recreativa que se inauguraba o 23 de xullo de 1994.
Dende entón, os veciños non deixaron de traballar para que este lugar mellorase pouco a pouco preocupándose por retirar e volver a colocar os pasos cada tempada de verán, arranxar tódolos desperfectos nas mesas e barbacoas, limpar a zona...
Na actualidade, a área conta con zona de baño, herba natural, carballeira, mesas, barbacoas, fonte de auga potable, campo de futbol, parque infantil, baños públicos, chiringuito, muíño...
IGREXA PARROQUIAL DE SAN PEDRO DE AIAZO
É de planta rectangular, cuberta a dúas augas e fachada de granito, rematada por un campanario e varios pináculos. As festas patronais na honra a San Pedro celébranse o 29 de xuño ou a fin de semana máis próxima.
DOLMEN DE AIAZO
No ano 1991, as excavadoras que abrían unha pista da concentración parcelaria destruiron a Peneda de Guntín, un conxunto de pedras de grande tamaño medio enterradas e lixeiramente inclinadas, coñecido dende sempre polos veciños do lugar. A sorpresa chegaba cando responsables de patrimonio da Xunta afirmaban que os restos pertencían a un dolmen con cámara poligonal, posiblemente con corredor. A cámara estaría formada por cinco chantos e unha gran cuberta, de case 5 metros de longo. Do posible corredor, atopouse só un posible chanto.
Esquecido pola administración, e dada a dificultade de atoparlles aos restos unha nova localización, as lousas están amoreadas ao longo do camiño.
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2000/06/01/55240.shtml?idioma=galego
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2000/06/01/55240.shtml?idioma=galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario