Coma sempre partiamos do local social, onde repartimos as gorras e sacamos a foto de rigor. Aquí aínda estabamos fresquiños!
Despois comezaría a camiñata polo monte cara a Oroso. A primeira parada, a maquía da Grabanxa, un enclave precioso e cheo de historia; posto que aquí viña moer o gran ou serrar madeira moita xente de Aiazo. Tamén foi aquí onde, hai moitos anos, coa mesma forza da auga do Maruzo, xeraban corrente eléctrica para dar luz a moitas familias.
Tras iso, fariamos unha pequena parada para descansar, refrescarnos e repoñer forzas na capela das Mercedes, onde ao pé da súa entrada está a fonte santa do ano 1890. Neste lugar tamén se celebraba unha feira moi sonada cada último sábado de mes. E, como curiosidade, sabedes de onde veñen os nenos/as? Aos nosos avós e aos nosos pais non se lles dicía que os traía a cegoña nin que viñan de París. Dicíase que os nenos "viñan da Grabanxa".
Continuariamos o camiño cara a igrexa de San Román de Pasarelos, a onde cada ano acoden moitos fieis de distintos lugares de Galicia para que o milagreiro santo lle cure algunha enfermidade. Mª Carmen do Conde, que aprendeu esta tradición tan antiga do seu pai, explicounos en que consistía o ritual para curarse a un mesmo ou a algún animal.
Xa de volta en Aiazo, tivemos ocasión de baixar á "Peneda da Hedra". E empapados de natureza, historia e, sobre todo aire puro, regresamos aos Pasos.
Pero alí non remataba o día, churrascada na Área, xogos con Cristina, a animadora do concello, e un espectáculo de música e maxia para poñer o broche final.
Non fai falla dicir que o pasamos estupendamente!
Ningún comentario:
Publicar un comentario