A verdade é que foi tremenda, diso non hai ningunha dúbida. Abonda con ler algúns dos centos de comentarios que nos deixastes no facebook e no twitter, ou ver algunhas das vosas fotos nas que nos etiquetastes! Pálpase a diversión e o bo rollo.
O pasado 13 de abril celebramos a IX edición da Festa da Merenda. Ás 12 do mediodía comezaba a degustación gratuita das merendas e a xornada festiva alongaríase ata a 1:30 da madrugada. Por suposto, todo ese tempo amenizado con música e, como non, con merendas!
Sen embargo, os membros da organización e mailas cociñeiras xa levaban traballando unhas cantas horas, preparando os fogóns e o primeiro amoado.
Arredor das 12:30 a Banda "Amigos da Música" de Ordes facía soar os seus instrumentos ao unísono. Que gusto para os oídos!
Polas 13:30, a música e os cantos de Cé Orquestra Pantasma (o home orquestra) convidábannos a unírennos a el e impedíannos estar quedos e manter a boca pechada.
Xa polas 15 h. abrirían a Foliada da Merenda a agrupación veciña Rexente de Ponte Carreira, seguidas das pandereteiras das Encrobas, os Tabernícolas de Santiago de Compostela, as Sobreiras do Ulla de Touro, o grupo local Sarillo de Aiazo e pecharían a mesma Leirabuxo de Melide; que ademais nos interpretaban temas do seu primeiro dico "Pé de ouro, raíces de prata". Todo o público quedou pampo coa espectacular voz de Carla, a súa cantante.
Ás 18:30 tocáballe o turno a dúas gandes orquestras: Ciclón e París de Noia que farían vibrar a todo mundo.
O bochinche e a pulpería completaron unha xornada na que o bo tempo non quixo faltar. Sabemos que foi tanta a xente que se achegou ata o campo ao longo do día que tanto o bochinche coma a pulpería se desbordaron e esgotaron as súas existencias. Por non falar do cheo absoluto dos aparcadoiros e das mesas da área. E ata se esgotaron os panos! Cada vez son máis os fans da Merenda!!!
Iso sí, o importante da festa foron as merendas que non deixaron de cociñarse en todo o día. Sabemos que houbo momentos de moito apuro, nos que tivestes que agardar un anaco para probar as merendas e pedímosvos desculpas pola demora. Todo o mundo quería probalas á hora do xantar e tamén levalas nas caixas de pizza para a súa casa ou para as mesas da área! Non dabamos abasto!
Calculamos que preparariamos arredor dunhas 1.500 merendas. Para iso, empregáronse uns 200kg de fariña, unhas 50 ducias de ovos da casa e uns 20kg de touciño de porco da casa. E todo iso gracias ás nosas magníficas cociñeiras. Sen elas nada disto sería posible. Sodes as mellores!
Moitas gracias a todos os que colaborades dunha maneira ou doutra coa Festa da Merenda e vémonos o ano que vén.
*Máis fotos na sección "Aiazo en imaxes", en facebook e twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario