3 de xaneiro de 2014

Receita da Merenda de Aiazo

Vale, aquí vos deixamos a nosa receita más codiciada. Tomádeo como un agasallo adiantado de Reis. Que non se diga que non somos xenerosos en Aiazo!!!

INGREDIENTES (para 4 persoas comedoriñas):

- 6 ovos da casa (Non o intentedes facer cos comprados, non nos responsabilizamos do resultado)
- 1/2 kg de fariña de trigo
- 1l. de auga
- Touciño
- Sal

TAMÉN IMPRESCINDIBLE:

- 1 tixola grande de ferro
- 1 fonte de porcelana
- Habilidade para facer voltear as merendas


ELABORACIÓN:
Bater os ovos e ir agregando aos poucos a fariña, incorporando tamén a auga e o sal. Ligar ben todo. Debe quedar un amoado un pouco máis gordo que para as filloas. 

Namentres, ir cortando o touciño en liscas finas e poñéndoas na tixola de ferro ao lume para facer os torriscos. 


De seguido incorporar a cantidade adecuada de masa, movendo a tixola de arriba a abaixo para que se estenda ben. 


De alí a uns minutos, voltear polo aire para que se faga polo outro lado. Cando estea feita polos dous lados, retirar da tixola e colocar na fonte de porcelana. Repetir ata rematar o amoado. Debería dar para unhas 4 ou 5 merendas (unha por comensal).
 

Sinxela, verdade? Xa non tedes excusa para non facela. E se non sodes quen de volteala polo aire, non pasa nada; as cociñeiras de merendas de Aiazo faranvos unha non, centos de demostracións na próxima edición da Festa da Merenda de Aiazo o 13 de abril deste ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario