O pasado 10 de abril marcou un antes e un despois en Aiazo. Ese día celebramos a VI Festa da Merenda, pero esta edición contou con importantes novidades como xa viñamos anunciando días atrás. Por iso a alcumamos Merenda 2.0, a nova xeración da Festa da Merenda que cada vez é máis coñecida no noso país.
Para empezar a festa trasladouse do venres á noite ao domingo todo o día. Comezou ás 12 do mediodía e rematou aló pola 1 da madrugada. E todo ese tempo amenizado con música e, como non, con merendas!
Ademais este ano non só tivemos a música de dúas grandes orquestras (Ciclón e Paris de Noia) senón que tamén celebramos a Foliada da Merenda coa presenza dos seguintes grupos invitados, aos que dende aquí agradecemos enormemente a súa colaboración desinteresada:
- A. C. As Sobreiras do Ulla de Touro. - Os Marteiros de Arca.
- Grupo de Música Tradicional de Ordes. - A. C. X. Sarillo de Aiazo.
Todos estes grupos fixéronnos vibrar coa súa música. Ao final, todos se uniron para cantar "O Caneco". Un momento espectacular!
Tampouco nos podemos esquecer da mostra de artesanía e dende aquí queremos agradecer a presenza dos diferentes artesáns que nos mostraron os seus produtos. Houbo cestos, xoias de prata, de coiro, instrumentos, etc. Auténticas marabillas! Mirade, mirade...
O bochinche e a pulpería completaron unha xornada na que o bo tempo nos quixo honrar coa súa presenza. Sabemos que foi tanta a xente que se achegou ata o campo ao longo do día que tanto o bochinche coma a pulpería se desbordaron e esgotaron as súas existencias.
Cada vez contamos con máis adeptos!!! Este ano destacamos a presenza de numerosas familias, pais, fillos e avós, que disfrutaron dun día agradable en plena natureza e na compaña dos seus. Aínda que tampouco podemos obviar a presenza dos mozos que, máis rezagados, se achegaron pola tardiña para desfrutar da verbena.
E é que as orquestras dérono todo. Xa sabíamos do desparpajo da vocalista feminina de Ciclón, pero de verdade, Noelia, esta vez deixáchesnos coa boca aberta. Subícheste a canto sitio hai, quitácheslle unha botella de viño a uns mozos e leváchela contigo para o escenario, bailaches con todos os que se che poñían por diante e ata te atreviches a desnudar a dous membros da comisión! Ti si que as sabes todas!
E a Paris de Noia tampouco defraudou. Os seus cantantes e músicos deron o mellor de si nunha actuación irrepetible. Se ata baixaron nunha das súas últimas pezas para sentir o calor da xente. Sodes a caña!
Iso sí, o importante da festa foron as merendas que non deixaron de cociñarse en todo o día. Fixéronse máis tortillas de masa que en ningunha das anteriores edicións e por dúas veces houbo que repoñer os torriscos. E todo iso gracias ás nosas magníficas cociñeiras. Sen elas nada disto sería posible. Sodes as mellores!
Non me esquezo de mencionar a presenza dos medios. Se o ano pasado, era o programa "España Directo" de tve; este ano foi o programa "Vaia Troula" da galega. As súas cámaras gravaron a esencia da festa e a súa reporteira entrevistou a cociñeiras, membros da organización, gaiteiros, veciños, festeiros...
En definitiva, un día inmellorable. Non credes?
Moitas gracias polos vosos comentarios de apoio. Tódalas fotos en facebook e na sección "Aiazo en imaxes".
Foi a primeira vez que asistin, pero prometo que non será a última xa que ENCANTOUME. Gracias po lo esforzo que facedes.
ResponderEliminar