O pasado sábado tivemos triple celebración en Aiazo. Ao tradicional magosto, sumámoslle a inauguración da ampliación do local social, coa presencia do alcalde e algúns concelleiros, e a presentación do DVD "Coñecendo o noso pasado" que está sendo tan ben acollido.
A festa comezaba aló polas 9 da noite. As mulleres afanábanse a facer filloas e os homes asaban as castañas.
O alcalde dixo unhas palabriñas e xunto co noso concelleiro, descubriron a placa do local.
Tralas castañas viñeron as filloas, os chourizos, a tarta larpeira e o queixo.
Despois, tocáballe a vez a presentación do DVD "Coñecendo o noso pasado", que mantivo en vilo a tódolos asistentes.
Catro dos seus protagonistas acompañáronnos na estrea e recibiron un agasallo da asociación.
Por último viría a música e como "o que non sabe mañas, non come castañas", houbo quen non dubidou en disfrazarse, actuar, cantar e mesmo regueifar facendo rir a todos. Se ata se achegaron por alí nada máis e nada menos que as fillas da Conexa! E non nos esquezamos da bendición do pozo! Dende logo, en Aiazo somos auténticos!
Ata o ano que vén veciños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario