30 de setembro de 2017

RAMIRO, UN SÉCULO DE VIDA

Hoxe en Aiazo non é un día calquera. Hoxe temos un motivo máis para reunirnos e festexar. Hoxe un dos nosos chega aos 100 anos de vida e non podemos estar máis orgullosos. Hoxe é o teu día Ramiro. Parabéns!

O 29 de setembro do 1917 chegaba ao mundo en Aiazo un rapaz de mirada inqueda. Os tempos eran moi diferentes aos de hoxe. Seguramente ningún de nós somos quen de imaxinar canto. Ese rapaz iría medrando no seo da súa familia, feliz, axeno á convulsa situación bélica que se aveciñaba. Pero pronto lle tocou sufrir os tempos da guerra, a escasez, sen case roupa que vestir ou comida que levar á boca. Seriamos quen de vivir hoxe con 100gr. de azucre ou menos de 1l. de aceite ao mes, tal como nos contas que faciades polo 45 ou 46?

Ramiro, mozo alto e esbelto donde os haxa, casaría con Consuelo e, xunto cos seus fillos/as crearía a súa familia. Adicaríase ao oficio de zapateiro, pero zapateiro dos que fan o calzado dende a suela ata os cordóns. As túas mans son testemuñas de todo este traballo. Cantas persoas sairon calzadas do teu taller!



Hoxe, a túa familia seguiu medrando, con netos/as e bisnetos/as que herdaron a túa mirada inqueda, pero sobre todo o teu sorriso. A túa actitude positiva ante a vida é digna de recoñecer. 





Aló polo 2010, tiven a oportunidade de editar e montar o DVD "Coñecendo o noso pasado", no que seis aiacenses, entre eles ti Ramiro, nos contabades como era a vida de antes: a infancia, a xuventude, a guerra, a emigración, a pobreza... no que tamén hai lugar para as cancións, as lendas e as máis divertidas anécdotas que nos fan rir a gargalladas. Ramiro detállanos o día a día dun zapateiro e móstranos os seus utensilios de traballo. Pero sobre todo, ensínanos unha lección de HUMILDADE,  de XENEROSIDADE, de que con TRABALLO e ESFORZO todo se pode lograr. 

Para coñecer o presente, debemos coñecer o pasado; para saber quen somos, cómpre saber de onde vimos. 
Que ese sorriso non se borre nunca da túa faciana! Temos tanto que aprender de ti!

PARABÉNS AMIGO RAMIRO!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario