A verdade é que foi unha festaza, non se trabucaba Enrique no vídeo da promo. Abonda con ler algúns dos comentarios que nos deixastes no facebook e no twitter, ou ver algunhas das fotos que compartistes!
O pasado 29 de marzo celebramos a X edición da Festa da Merenda. Ás 12 do mediodía comezaba a degustación gratuita das merendas e a xornada festiva alongaríase ata a 1:30 da madrugada. Por suposto, todo ese tempo amenizado con música e, como non, con merendas!
Ás 19:30 tocáballe o turno a dúas gandes orquestras: Cinema e París de Noia que farían vibrar a todo mundo.
O bochinche e a pulpería completaron a xornada. Tivemos cheo absoluto dos aparcadoiros e das mesas da área. E ata se esgotaron os panos! Siguen en aumento os fans da Merenda!!!
Iso sí, o importante da festa foron as merendas que non deixaron de cociñarse en todo o día. Sabemos que houbo momentos de apuro, nos que tivestes que agardar un anaco para probar as merendas. Por iso vos agradecemos a vosa paciencia e as palabras de cariño connosco.
Calculamos que preparariamos arredor dunhas 1.500 merendas. Para iso, empregáronse uns 250kg de fariña, unhas 80 ducias de ovos da casa e uns 70kg de touciño de porco da casa. E todo iso gracias ás nosas magníficas cociñeiras. Sen elas nada disto sería posible. Sodes as mellores! Tamén queremos agradecer a todos os veciños/as que colaborastes cociñando, servindo, aparcando, etc. Sen a vosa axuda, non sería unha festaza!
Agradecer tamén ao concello de Frades o seu interese na festa e a tódolos patrocinadores polo seu gran de area. Por último, moitas gracias aos que viñestes a pasar o día con nós e colaborastes coa festa pagando o aparcadoiro, mercando un pano, unha rifa ou unha merenda para levar. Moitas gracias tamén, aos que estivestes comendo na área e recollestes todo ao marchar.
E agora, acabouse a romería...
Vémonos o ano que vén festeiros!
*Máis fotos na sección "Aiazo en imaxes", en facebook e twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario