Se chove, deixa chover,
se orballa, deixa orballar,
por máis que chova e vente,
de ti non me hei apartar.
Pois si, cumpríronse todas as previsións meteorolóxicas e o tempo non dou tregua, polo que tivemos unha VIII Festa da Merenda pasada por auga. Aínda así, e como di a copla, foron moitos os que desafiaron ao tempo e non quixeron apartarse da nosa Festa da Merenda. A todos eles, darlles as gracias por estar con nós ano tras ano.
As cociñeiras comezaban a acender os seus fogóns aló polas 11 da mañá, ao mesmo tempo que se preparaba o primeiro amoado; e todo baixo a atenta mirada das cámaras do programa "Grandes Lugares" da Galega.
Ás 12 do mediodía xa se podían degustar as primeiras merendas e ás 13:00 comezaba a Foliada da Merenda, organizada polo grupo Sarillo de Aiazo, coa actuación de Reviravolta de Lardeiros. Tras eles virían Rexente de Ponte Carreira, Agrocovo de Esteiro, Néboas no Cumio de Sigüeiro, Embruxo de Leira e Leirabuxo de Melide. Queremos agradecerlles de novo que nos acompañaran, son todos uns fenómenos, e pedirlles desculpas polos desaxustes nos horarios. Tamén queremos lembrarnos do grupo As Sobreiras do Ulla de Touro, que estiveron con nós estes últimos anos e que por un imprevisto problema de saúde non puideron acompañarnos nesta edición. Enviámoslles unha aperta moi grande e desexamos que o enfermo se recupere axiña.
Ás 14:30, nun descanso da Foliada da Merenda, Cé Orquestra Pantasma amosábanos como un só home pode cantar, bailar e tocar máis dun instrumento á vez; para que logo digan que os homes non son quen de facer dúas cousas ao mesmo tempo.
E arredor das 18:30 comezaba a verbena coas orquestras París de Noia e Ciclón. A mocidade e os que non son tan mozos botaban unhas bailas e por suposto seguían a desfrutar das merendas.

Como non, este ano tamén cociñaron os homes, pero a novidade foi a venda de merendas para levar. Por 3 € podíase levar unha merenda para a casa e por 5 € dúas. Só nos falta crear o "Telemerenda" que reparta merendas en moto!!!
Moitas gracias a todos os que colaborades dunha maneira ou doutra coa Festa da Merenda e vémonos o ano que vén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario