12 de abril de 2010

Crónica dunha festa anunciada (Merenda'10)

Non queremos plaxiar a Gabriel García Márquez, pero este é sen dúbida o título desta entrada dedicada á V Festa da Merenda celebrada na nosa parroquia o pasado 9 de abril de 2010. E é que esta V edición da festa gastronómica revelación da comarca, foi publicitada case por terra, mar e aire. Comezando polos programas pegados nos bares, tablóns de anuncios e árbores, os folletos repartidos polos coches en festas previas, os anuncios polos micrófonos das orquestas, as noticias dos diferentes xornais (Tierras de Santiago, La Voz de Galicia e El Correo Gallego), os eventos nas redes sociais Tuenti e Facebook que acadaron máis de 300 seguidores e por último, do que nos sentimos máis orgullosos, a conexión en rigoroso directo co programa "España Directo" de TVE. Si, si, para os que aínda non se enteraron, a merenda aiacense e as nosas cociñeiras xa son famosas en toda España.


Evidentemente todo este traballo non sería posible sen o esforzo e a colaboración de todos aqueles que dunha maneira ou doutra puxeron o seu graiño de area na realización deste acontecemento. E ese traballo comezaba hai xa varios meses, ainda que se intensificou as semanas previas ao 9 de abril.




Malia ter o tempo a favor, tres Festas da Xuventude con orquestras de renome nos arredores desafiábannos este ano. Aínda así, o balance desta festa é moi positivo. Sinalamos a crecente presenza de matrimonios e nenos nunha primeira hora da noite atraídos polas nosas saborosas tortillas, seguidos dunha segunda oleada de mozos e mozas que chegaron máis tarde para disfrutar das orquestras que nos acompañaban. A cor amarela das tortillas e dos panos inundaba o campo. De seguido algunhas das imaxes da noite.

Ningún comentario:

Publicar un comentario