
Hai xa moitos anos, na comarca de Ordes, comíanse a diario as merendas, na casa ou na leira se cadraba; e que boas estaban así quentiñas e doradiñas.Tódolos días o mesmo, ben, ás veces levaban torriscos ou rixóns no tempo da matanza…

Hoxe tamén se merenda, sobre todo os máis cativos, que a cotío toman un bocadillo de chourizo, xamón, queixo, chocolate … Canta variedade! E aínda escoitamos outra vez o mesmo, non quero merendar…Nada que ver con aquelas outras merendas que tanta fame mataron.

Pero para os máis novos, ou non tanto! que de seguro non saben de que estamos a falar explicar que se denominaba merenda, non xa a esa comida lixeira que se toma entre o xantar e a cea, senón a un producto elaborado con algo que en xeral había no máis das casas, a fariña de trigo.

Estamos a referirnos, claro está, á tortilla de masa, que como se tomaba tódolos días á noitiña, adotou o nome de merenda.
Todos labraban o trigo, que despois de mallado almacenaban nas huchas. Íase coa besta ou burra ao muiño, e unha vez mundo e peneirada, a fariña estaba lista. Con ela amais de cocer o pan para uns oito días, coa torta e empanada de rigor, facíanse tódolos días as tortillas.

Nunha tixola de ferro e con graxa, a penas había aceite, e por suposto viradas polo aire. Ás veces completábanse con cachiños de touciño fritidos, os torriscos, ou con rixóns. E con azucre facían a mellor lamboada!
A Asociación de Veciños Os Pasos, de Aiazo (Frades), na comarca de Ordes, quere honrar este producto da nosa zona, e para iso nada mellor que degustar todos xuntos a típica merenda, feita alí mesmo pola xente do lugar e como non tamén unha gran verbena.

Haberá catro orquestras para aledarnos a noite.
Será o vindeiro 3 de marzo, na Area Recreativa Os pasos, no entorno do río Tambre. Será tamén no muiño que alí se atopa onde se moa o trigo colleitado na mesma parroquia. A partires das nove da noite estades todos convidados a disfrutar con nós da tortilla de masa e da festa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario