7 de setembro de 2012

Desvelo Premonitorio

En Aiazo estamos moi orgullosos do noso e por iso nos gusta dar conta dos éxitos deportivos, artísticos, musicais e últimamente tamén literarios dos nosos veciños.
Noutras ocasións contámosvos como Marcos Carro Fernández se proclamaba campión da provincia da Coruña de lanzamento de peso, tamén compartimos con vós un video no que Enrique Astray Otero canta a vida privada de Manuel do Campo, canto co que foi galardoado; dende Francia chegábannos unhas letras moi garimosas de Tamara Guirao Espiñeira, unha escritora que xa recibiu moitos premios; o grupo Sarillo gañaba por dúas veces o 2º premio no Concurso de Disfraces de Frades; por non falar das nosas aclamadas cociñeiras da Festa da Merenda e as súas aparicións televisivas nos programas España Directo, Vaia Troula e A Revista.
Desta vez querémosvos ensinar un relato que escribiu Daniel Carro Fernández, e que foi seleccionado para ser publicado na revista escolar do CPI de Ponte Carreira, centro no que acaba de rematar con éxito a educación secundaria obrigatoria. Os nados en Aiazo, identificaredes moitos lugares e personaxes coñecidos. Facede clic no título para lelo.

Desvelo Premonitorio


Dende aquí queremos felicitalo polo seu traballo e animalo a que siga escribindo.

4 de setembro de 2012

XV Ruta de Sendeirismo - Aiazo

Un dos obxectivos da Asociación de Veciños "Os Pasos" de Aiazo sempre foi o de dar a coñecer os encantos da nosa contorna sobre todo aos máis novos. Por iso, dende hai 15 anos programa un roteiro polos arredores da parroquia no que se visitan diversos enclaves naturais, culturais e históricos.

 Nesta ocasión, o itinerario partía do local social, atravesando a aldea de Fontelo, pasando a carón da igrexa ata chegar á Área Recreativa "Os Pasos". Alí cruzouse o río Tambre e continuouse a carón do mesmo en dirección Pastor.

Camiñamos por unha antiga corredoira, disfrutamos das vistas da nosa parroquia e ata vimos un muíño.

Tamén tivemos que sortear algún que outro atranco, pero iso forma parte da vida no campo.

Chegando a Ponte Carreira, algúns tiveron que recuperar folgos e beber auga dunha fonte.
Antes de cruzar a ponte que lle da nome a esta vila, desviámonos un pouco para visitar a presa. Resulta que aquel foi uns dos primeiros lugares de todo o arredor en producir electricidade. Que avanzados!
Continuamos o percorrido de volta polo monte, saltando regatos e subindo costas imposibles. A que parece divertido?

Como última anécdota, a que nos contaron xa entrando en Aiazo cando divisamos unha cruz de pedra no medio dun prado. Trátase da Cruz de Raxoi que indica o lugar onde, hai moitos anos, faleceu traxicamente un veciño da parroquia debaixo dun carro de toxo.

Por fin chegamos aos Pasos, onde xantamos todos xuntos. Pola tarde, nenos e non tan nenos disfrutaron de xogos como a carreira de sacos, os globos, o pano, a corda...


 

 

Tódalas fotos en facebook